Opinión

Titiriteiros

ACABO DE ver unha película estadounidense que describe dun xeito seguramente menos cru que a realidade a monstrosidade do narcotráfico entre México e Estados Unidos. Logo de centos de mortes ao estilo dun videoxogo, remata co asasinato dunha familia mentres ceaba, deixándonos o que podería definirse como unha obra que fai apoloxía do crime organizado, se un xuíz da Audiencia Nacional admitise a denuncia duns espectadores indignados. Aínda que a cualificación da película déixoa para Grial Parga, o noso crítico de cine, as dúas horas que paso diante da pantalla sérvenme para felicitar ao director por ter conseguido o que buscaba cando a rodaba, facernos pensar. Non me resisto a crer que algún guionista busque cando escribe unha historia outra cousa que non sexa iso, malia que acabe sendo malinterpretada, como tamén pode ocorrer con estas liñas. Quero pensar que o malentendido e a liorta política para desacreditar a un goberno local que incomodou desde o minuto un é a base da polémica xurdida o venres en Madrid a raíz da detención de dous titiriteiros (xa postos en liberdade) que buscaban facer pensar coa súa desafortunada obra, aínda que erraron no método e toparon cun público non preparado, e non me estou a referir aos nenos. Que estiveran varios días na cadea porque un xuíz considera que o decorado fai apoloxía do terrorismo tamén me fai pensar que, como os malos actores, esta sociedade está sobreactuando.

Comentarios