Opinión

Crónicas e cuestións de estado

GÚSTAME, de cando en vez, facer crónicas enfiando pequenos ou grandes acontecementos cotiáns entre os que creo descubrir estrañas coincidencias, como se unha man, xoguetona unhas veces, negra outras, os dispuxera. Será que cando algo consegue romper a nosa indiferenza informativa, activamos mecanismos de alerta que nos volven especialmente sensíbeis a un tema. E será que hai en min unha xornalista frustrada que enreda facendo que redacta a sección de novas da semana.

Sexa como for, a crónica destes días pasados debera estar marcada por un Antroido, desta volta disfrazado de chuvia, que aínda así non impediu a fartura, o exceso, a risa e a transgresión e que, como se dunha antroidada se tratase, rematou con dous' titiriteiros' detidos por enxalzamento do terrorismo. A noticia conseguiu arrebatar protagonismo a outras a priori non menos carnavalescas, coma o xuízo polo caso Nóos ou as últimas novidades no corruptódromo de Valencia. Con independencia da adecuación a un público infantil de 'La bruja y don Cristóbal', polémica peza representada polos cómicos, o feito de encarceralos por unha pancarta exhibida por un monicreque é un acto claramente transgresor por derrubar os marcos entre a realidade e a ficción. De se levaren as leis do común a tal territorio, non abondarían os calabozos para meter os grandes rufiáns, traidores, sanguinarios e viláns do teatro universal.

Mais nestoutro gran teatro do mundo a vida segue. Na crónica local, como local foi tamén, a fin de contas, a función das marionetas, soubemos da agresión homófoba a unha parella en Compostela, primeiro nun supermercado e despois no propio hospital onde estaban a ser atendidos, sen que saltase ningunha alarma a nivel estatal nin, se me apuran, social sobre o que tales feitos comportaban. Soubemos da agresión de dous mozos ao propietario dun local de hostalería desta mesma cidade, sen que a noticia fose moito máis alá do desgusto das persoas que frecuentaban o seu negocio. E sabemos dun novo asasinato dunha muller, en Becerreá, a mans do seu home. Foi cunha escopeta de caza, un arma legal, cotiá en moitos fogares e non sospeitosa de perigo para o estado. Ao crime seguiron, coma sempre, a conmoción, a dor, a incomprensión, as declaracións de condena, e toda unha retórica coñecida sobre as inconcibíbeis cifras da violencia machista. Non vexo no entanto protocolos nin medidas excepcionais, non xa para o detido, senón para todos aqueles axentes sociais que, coas súas declaracións públicas, os seus xestos, a súa impunidade e o seu mirar cara a outro lado están a alimentar a violencia día a día. Para eles non semella haber medidas preventivas, como si as houbo para os 'titiriteiros', porque non supoñen unha ameaza para a seguridade do estado neste gran teatro, ou antroido, do mundo.

Comentarios