Opinión

Na loita contra a desigualdade

HOXE É o ‘Día Internacional da Muller’, declarado por Nacións Unidas, organización que observa días, semanas, anos e décadas sinaladas, cada unha cun tema. Neste mesmo mes de marzo, o un foi o ‘Día contra a discriminación’, o tres, o ‘Día Mundial da Vida Silvestre’; o día vinte, será o ‘Día Internacional da Felicidade’; o vinte e un, o ‘Día Internacional da Discriminación Racial’, o ‘Día Mundial da Poesía’, o ‘Día Internacional do Novruz’, o ‘Día Mundial do Síndrome de Down’ e o ‘Día Internacional dos Bosques’, para seguir co ‘Dia Mundial da Auga’ e así ata as 16 celebracións que corresponden a este mes. Non damos feito. No caso de hoxe, parece que abondaría co sentido común, pero a discriminación e a desigualdade persisten e a súa erradicación ten que ser tarefa de todas e todos, de forma individual e conxuntamente.

En moitos Estados, hai leis que expresamente discriminan á muller e que a obrigan á obediencia nas súas relacións maritais


A Onu, para o ‘Día Internacional da Muller’, neste 2016, pon como tema, ‘Por un Planeta 50-50 en 2030: Deamos o paso para a igualdade de xénero’. Igualdade para a que fai falta un paso largo e decidido, un paso valente que force a erradicación absoluta de calquera tipo de discriminación, con respecto aos dereitos humanos, sen excepción. Este día debe servir para lembrar que é necesaria a loita diaria contra a desigualdade.

Alguén ten que mandar parar, para que as mulleres non sexan, en ningunha parte do mundo, vítimas dos traficantes, da explotación sexual e laboral, das violacións dos dereitos como persoas, da mutilación de órganos, das privacións e da miseria, de toda miseria humana, incluso da lexislativa. En moitos Estados, hai leis que expresamente discriminan á muller e que a obrigan á obediencia nas súas relacións maritais. Hai leis que teñen que ser abolidas, derrogadas ou suprimidas, para ben da humanidade, para que impere o respecto, o sentidiño e a igualdade en tódolos eidos.

A Onu quere avanzar na consecución dos dezasete Obxectivos de Desenvolvemento Sostible propostos na Axenda 2030 e todos deben (debemos) estar na acción para dar o paso. Os dezasete son importantes, pero o primeiro, «poñer fin á pobreza en tódalas súas formas en todo o mundo», é primordial. E, non ten menos calado o que fala de garantir oportunidades para unha educación inclusiva, equitativa e de calidade para todos. Observemos, por favor, tódolos días como o ‘Día da Igualdade e da Liberdade’. Avancemos!


Comentarios