Opinión

Que tempo fará mañá?

CHOVE SEN PARAR, de noite e de día, no outono, na primavera, no verán e no inverno. Sempre chove en Galicia, onde máis, na Serra do Candán, vixiada toda ela polo mosteiro medieval de Santa María de Aciveiro, nas terras de Forcarei, Lalín, Silleda, Beariz e o Irixo. Hai outros lugares onde aínda chove máis, un deles, do que os estudosos din que é o sitio máis chuvioso da Península Ibérica, é a Serra de Grazalema, nas provincias de Cádiz e Málaga. Quen o diría! O concello de Grazalema recibe dous mil litros de auga de chuvia por metro cadrado de media anual e ten que buscar auga con cisternas de grande capacidade para o consumo dos seus habitantes.

Na Serra de Gredos, no Sistema Central, tamén chove dabondo. Ao parecer, é por mor dos ventos fríos do oeste e suroeste que quecen no val e van bater nas ladeiras das montañas. O outono e a primavera son as estacións nas que aquí máis chove. Aínda que este inverno pasado tamén foi mollado, un dos máis chuviosos dos trinta últimos. Pola contra, unha das estacións máis fermosas do ano, que comezou agora, na madrugada do día vinte, e rematará na primeira hora do vinte e un de xuño, a primavera, vén boa.

E, que tempo fará mañá? Antes, sobre todo no medio rural, a persoa de máis idade do lugar saía ao corredor, poñía unha man arriba dos ollos para tornar a claridade, miraba ao fronte, á dereita e á esquerda, escoitaba e atinaba sempre, "van as nubes para O Cebreiro, coller capa e sombreiro", "van as nubes para Foilebar, coller o mallo e ir mallar" e aínda máis, "ceo empedrado, vento e solo mollado". Agora, os expertos e científicos, os físicos e meteorólogos, apoiados pola informática e tódalas novas tecnoloxías, son os que saben que tempo vai facer mañá ou para o mes vindeiro. As predicións son científicas e os resultados das investigacións son fiables, veraces e moi útiles.

Pero, como di a Tía Manuela, onde sempre chove sen parar, e cada vez máis, é na casa do pobre. Ben que o sabía e compartíao Celso Emilio Ferreiro: "Chove, chove na casa do pobre / e no meu corazón tamén chove". Nalgúns casos, parece que non é certo iso de que "nunca choveu que non escampara". Non é choiva de temporada, é continuada e arrecía cada ano, cada instante, mollando e ferindo ao ser dos humildes.

Comentarios