Opinión

Aspnais e a teoría dos conxuntos

MILITANDO NO bando das letras, non entendes moi ben a Teoría dos Conxuntos do matemático G. Cantor. Recordas os círculos secantes, concéntricos, o calidoscopio de leis. Daqueles aneis só queda o da voda.

Sentado nun microbús de Aspnais volven, pola misteriosa cartografía do cerebro, aqueles círculos, as cores que se entrecruzan, diferencian, complementan. Transitamos agora pola zona na que asasinaron unha rapaza. Hai unha curta transición entre a maldade e a aposta pola vida. Porque o microbús chega ao edificio que acolle, educa e ocupa ás persoas de Aspnais.

Os conxuntos disxuntos non se tocan, non se cruzan, non se ven. Ignóranse. Onde estaba esta xente próxima, veciña, invisible e invisibilizada na cidade? Realidades paralelas, círculos humanos e sociais separados. Pero estaban, están aí. Podemos velos. Cento corenta persoas atendidas. E outro terzo máis que vive, se desvive, traballa con elas. Se é que a esta urdidura de lazos e quentura humana se pode chamar traballo.

Mentres pintan e fan adornos recordas un rostro na rúa. O rapaz que saúda na esquina e mira o mundo con ollos de neno. A linguaxe, claro, foise humanizando ao tempo que os invisibilizados pasaban a seren visibles. Deixaron de ser subnormais, fronteira que axigantaba diferencias. Conxuntos disxuntos.

Aspnais celebra o 50 Aniversario coas portas abertas, cun Xulio Xiz teimudo, tentando con tantos outros implicar, recordalo. Para iso estamos aquí, este mércores con chuvias e soles de abril visitando os talleres das Arieiras, a residencia da Rampla de Claudio López. Espazos limpos, cheos de cor e luz. Rebordantes de vida. Olen ben. Alí comen e respiran, rin ou enfádanse, pintan, fan fregonas e mobles. Ou esculpen coidadosamente pratos para o polbo. Son a casa dos sorrisos. Ao final, son espazos de dignidade e traballo, de persoas con rostro e nome.

O milagre quedou pequeno ante a demanda. Está protagonizado pola asociación de pais, polos que cociñan e limpan, polas educadoras, psicóloga, monitores, a directora. Salientan cousiñas da vida cotiá, contestan, tentan implicar ás empresas. Contan os días para se trasladar ao antigo hospital de San José. O milagre estaba diante dos ollos. Non eran conxuntos disxuntos senón a intersección deles: ese pequeno corazón da sociedade latendo nestas persoas con algún tipo de discapacidade. Daquela, aí estamos todos porque nalgún momento fomos, somos agora, seremos discapacitados.

Para os torpes en matemáticas cada círculo de cores visualizaba diferencias. A intersección éche o crisol onde se funden as persoas. Esta urdidura de frechas, cores, signos apunta directamente ao centro, xusto onde Aspnais, día a día, vai tecendo círculos entrelazados coas cores do traballo, da dignidade, da vida.

Comentarios