Opinión

Política no club da comedia

SUSPENDEN ELES e repetimos examen nós, escóitase no parlamento popular do café. Novas eleccións ou carísima tomadura de pelo onde, como di El Roto, é comprensible repetir eleccións pero o asombroso é que repitan candidatos. Na pantalla alguén dun círculo de empresarios di que nunha empresa privada estes lideres serían relevados. Por incompetentes. Pero crear novos liderados é difícil.

Foi un sopro de aire fresco a chegada de líderes novos e preparados. Pero a xenialidade individual vai da man da incapacidade colectiva. Chama a atención en líderes tan novos o lastre de prexuizos partidistas. É triste constatar que non sabemos pactar, sí antepoñer intereses particulares a xerais. No mapa progresista hai máis tribos que partidos.

Un editorial de NYTimes sinala o parecido á xeración anterior de líderes que están na trintena. Apareceron surfeando nunha onda de ilusión coa promesa de reformas, cambiar a constitución, recobrar a decencia. Todo foi nada pola incapacidade para negociar. Cheos de pantallas e lugares comúns acabaron poñendo a súa supervivencia por riba das urxencias do país. Como envelleceron! Nestes meses, a palabra circo acabou substituíndo a política.

Aos conservadores a inmobilidade da bos dividendos. O que máis perdeu é o que máis pode gañar. A resistencia numantina e a berroqueña base electoral fai que nin a corrupción pandémica pase factura. O seu trunfo é así de triste: a mellor maneira de non equivocarse é que se equivoquen os outros. Por exemplo os socialistas, aos que se lles pode aplicar o que dicía Borges dos peronistas: Non son nin bos non malos, son incorrexibles. Co novo líder obrigado a transitar cun bosque de paos e de curiosas dimisións nas rodas.

No centro dereita a xente contempla a imaxe dun líder ‘novo e sobradamente preparado’. E pregúntase se hai vida máis aló do fotoxénico cartel. Ou si despois dos efémeros días de viño e rosas volverá á casa común dos que se consideran donos do poder.

Moitos tiñan confianza no que naceu da indignación na rúa. Postas as súas compracencias no líder de Podemos. Ven que a liña entre a audacia e o histrionismo é delgada, que o infinito ego pode transformalo, que as licencias dos platós non son as do parlamento.

Suponse que recordarán a lección do poeta, faise camiño ao andar. Ao seu favor teñen que son novos e poden aprender do fracaso. Nesta democracia pouco representativa, fracasamos todos. Deputados e líderes reflicten o que somos: unha sociedade con escasa implicación social. O país que leva séculos suspendendo en espíritu cívico expulsa do currículo Educación para a Cidadanía, premia a parálise e ve con abraio a impotencia prepotente de líderes novos con defectos vellos. Suspenden eles, examinámonos nós. A política no club da comedia.

Comentarios