Opinión

Sabino Torres, quixote da poesía

NA POESÍA galega publicada en Galicia antes de 1950, foron moi escasos os libros e só un de notable entidade: 'Cómaros verdes', de Aquilino Iglesia Alvariño (Vilagarcía de Arousa, 1947). De súpeto, prodúcese, no ano 1949, unha especie de milagre. Foi en Pontevedra, onde un grupo de 'lletra ferits', capitaneados por Sabino Torres, inventan e botan a andar a colección Benito Soto. Era o nome dun pirata, porque os aventureiros sabían que, naquel tempo mísero e escuro, calquera actividade en favor da poesía era un mester de piratería. Catorce volumes publicáronse en dous anos (1949-1951), oito deles en idioma galego. Nesta nómina figuran varios títulos significativos da poesía galega do 20: 'Muiñeiro de brétemas' (o primeiro libro de Manuel María no noso idioma), 'Triscos' (a primeira aparición de Luis Pimentel na nosa lingua), 'Dona do corpo delgado' (ese prodixio poético de Álvaro Cunqueiro), 'Canciós d’ise amor que se diz olvido' (versos moi ben trobados do poeta andaluz Juan Pérez Creus)... A última aventura literaria de Sabino Torres como cidadán comprometido coa causa poética foi a colección Hipocampo Amigo, por el fundada e dirixida. Nela publicou un número non escaso de títulos, e cónstame que, dalgún, foi, ademais de editor, mecenas. Acaba de deixarnos, aos 91 anos, un cidadán nobre e ilustrado machadianamente comprometido coa amizade, coa cultura e co quixotismo poético.

Comentarios