Opinión

Helena

NESE DÍA imposto pola norma electoral como Día de Reflexión, en Rianxo, o pasado sábado, 25 deste mes de xuño, a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que preside o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, tributoulle á escritora Helena Villar Janeiro unha grande homenaxe, entregoulle a Letra E de 2016 e emocionouna, xusto corenta e catro anos despois do seu primeiro libro, facendo do día, segundo manifestou, "un dos máis felices da vida". É un pracer ver tan agradecida a unha persoa, a unha muller de tal talla intelectual, a quen desexa contar o que hai no mundo ao mundo, con datos, interpretación, opinión e, sobre todo, con xustiza, gusto e ledicia.

Ela é muller do ensino, fraguada coa experiencia e sempre preocupada pola interacción desta coa instrución

Xa é a XXII edición da "homenaxe ao escritor ou á escritora na súa Terra", impulsada como as anteriores para dar lustre, para dar a coñecer o facer dos escritores e escritoras e para achegar protagonismo ás distintas zonas de Galicia, a aquelas onde naceu o homenaxeado, onde vive ou onde cada quen decide. Trátase, obviamente, dunha acción de enorme importancia no marco do denominado turismo cultural e co ánimo de pregoar a cultura propia. Accións como esta serven para agrandar o orgullo de nós, para loar o traballo daquelas persoas que se dedican á creación e para que, aínda que sexa a golpe de literatura, a xente poida seguir respirando.

Helena Villar Janeiro, naceu en Becerreá e andou pola montaña dos Ancares ensinando, foi a Santiago de Compostela e namorouse das beiras da Arousa e "agora fólgome de vivir entre as históricas pedras de Compostela e nunha aldea de Rianxo". Narradora, poetisa, ensaísta, tradutora e articulista, unha traballadora da cultura, unha mestra gozosa de si e da familia, do mar, da terra e das súas xentes, con miles de historias escritas e ideadas co seu marido, o tamén escritor lucense, Xesús Rábade Paredes.

Agora a nómina de ilustres rianxeiros e rianxeiras agrandouse e a escritora homenaxeada ten na vila de Castelao e Manuel Antonio un loureiro coas follas perennes, plantado por ela, e un monólito que, de por vida, dará sinal da honra que se lle fixo o pasado día vinte e cinco, coa presenza de moita xente do mundo da cultura e da política. Ela é muller do ensino, fraguada coa experiencia e sempre preocupada pola interacción desta coa instrución. Como di a Tía Manuela, sabe que sempre hai espazo para aprender. Aprendamos!

Comentarios