Opinión

Estabilidade

RECLAMOUSE ESTABILIDADE sobre todas as cousas. Houbo clamor contra o cambio. Déronse por amortizadas todas as eivas que rodean aos partidos que levaron as rendas deste país desde a Transición e seguiuse apoiando maioritariamente a continuidade. Funcionou o voto do medo. Logo de que se castigara, aínda que non con total contundencia, gürteles, púnicas, caixas b e todo tipo de corruptelas, os electores ergueron as sancións e, coma o fillo rebelde que a pesar do seu mal comportamento se quere, premiaron as súas bondades. Rajoy ten unha nova oportunidade, que os españois lle negaron en decembro, cabreados, pero só puntualmente, e amosaron de novo unha fidelidade aínda maior a un partido que non lle fai falta nin ser exemplar, nin tomar decisións óptimas para a cidadanía, ou incluso non tomalas, porque aínda que non vaia ben témese que poida ir peor. Gañou o temor.

Comentarios