Opinión

Mal camiño co aumento da desigualdade

CURIOSO QUE o pasado ano España fose o país europeo no que máis aumentou o número de ricos, considerados estes os que posúen máis dun millón de euros. Quince mil novos en 2015, e desde que empezou a crise aló polo 2008 a cifra destes afortunados non deixou de medrar. Todos nos alegramos por eles, en correspondencia recíproca ao que lamentamos o aumento de pobres, algúns deles con traballo, pero tan precario que non alcanzan a fin de mes e teñen que seguir recorrendo ao banco de alimentos ou a familiares para poder subsistir. Algo falla nun país no que o crecemento do número de opulentos vai parello ao incremento multiplicado de infortunados que non alcanzan a independencia económica. E así mingua a clase media, debido ao reparto cada vez menos equitativo da riqueza, sustento dun país e base colectiva. Se aumentan as desigualdades, o país amortece. Algo terá que cambiar.

Comentarios