Opinión

Un horror que vén de lonxe

SÁBESE QUE o xeneral Franco aprendeu crueldades varias con Millán Astray, do que foi segundo en Marrocos. Sábese tamén que, entre os que nalgún momento tiveron mando sobre o futuro ditador, foi o único que non sufriu a súa animadversión. E é que o xeneral maneto e chosco deixoulle ben claro ao de Ferrol a súa fidelidade ou, máis exactamente, o seu servilismo sen límites, a facer defensa da súa persoa e propaganda do seu réxime.

A noticia da brutal degolación dun crego francés en Saint Etienne de Rouvray por parte de fundamentalistas do EI, gravación incluída, fíxome lembrar este personaxe por máis dunha razón.

Se nos tempos de Millán Astray existise a capacidade de gravar vídeos e colgalos na rede, non hai dúbida de que aínda hoxe veriamos as súas fazañas. Porque gustaba moito o home de exhibir as cabezas que separaran dos ombros dos desafortunados inimigos el ou o seu exército.

Seica cando en 1926 o ditador Miguel Primo de Rivera foi a Marrocos, ficou horrorizado ao ver que moitos soldados levaban cravadas nas baionetas cabezas de mouros, coma trofeos de caza. Noutra ocasión recibiu á ‘Duquesa de la Victoria’, que organizara un grupo de enfermeiras voluntarias, cun gran cesto de rosas entre as cales metera tamén dúas cabezas.

Porén, máis aló da barbarie das decapitacións, onde atopo aínda máis semellanzas co EI é no xeito de captar soldados dispostos a se inmolaren en aras dunha gloria futura. A Lexión fundada por Millán Astray, a dos fillos da morte como aínda se seguen chamando, estaba formada sobre todo por asasinos e delincuentes de variada ralea que achaban saída á súa violencia exaltados polo alcohol, as drogas e as arengas alucinadas do xeneral. Neste senso, nada mellor para se informar que a lectura de ‘La forja de un rebelde’, de Arturo Barea, quen na segunda parte (antes un libro independente, ‘La ruta’) narra a súa participación na guerra contra os independentistas do Rif.

Este verán tocoume coñecer aínda máis lugares con imaxes de Santiago Matamouros ou de reis que, durante a Reconquista, se distinguiron na persecución dos chamados infieis, a tripar corpos e mostrar cabezas. Tamén a iconografía debera someterse a unha lei de memoria histórica. Coido que atribuírlle a un santo que, segundo a tradición cristiá tería escoitado directamente a mensaxe de irmandade universal predicada por Cristo, é unha auténtica aberración.

Como o é tamén matar en nome de Alá ou de calquera outra denominación de Deus. A divindade que tal cousa pedira dos seus fieis, abofé que sería unha inhumana creación humana. "Polos seus froitos os coñeceredes", dixo Alguén que endexamais predicou a morte.

Comentarios