Opinión

Enganar para agradar

O RESCATE do banco portugués Caixa Geral podería ser un máis dos que xa se teñen visto en Europa, particularmente en España, e que tan criticados foron polos grupos de esquerdas. Cantas veces se ten utilizado este feito para construír slogans: sobran cartos para rescatar bancos pero non se atenden necesidades sociais, escoitamos en manifestacións e tertulias. Mais nesta ocasión hai un elemento novedoso, como é o feito de que a decisión ten sido tomada por un goberno socialista, apoiado no parlamento polo Partido Comunista e o Bloco de Esquerdas. A decisión de investir preto de cinco mil millóns de euros seguramente xurde do medo destes grupos políticos as consecuencias para os traballadores e para os depositantes de deixar caer unha entidade financeira tan importante. Por tanto, foi o mesmo medo que tiveron os gobernos de dereitas o que levou a socialistas e comunistas a comer a súas propias palabras, sacando a relucir un mal explicado pragmatismo. 

Entón cabe preguntarse se os electores foron vítimas dun engano. Algo similar ten ocorrido en Grecia, onde aínda non están repostos de ver cómo o antisistema Tsipras, que chegou ao cargo para loitar pola xente de a pé, axiña puxo en práctica políticas de recorte de salarios e pensións, aumentando o IVA, así como os impostos de carburantes e alcohol. Onde dixo que se opoñía as privatizacións, desdíxose para acordar a venda dos principais aeroportos, así como do principal porto de Atenas que, por certo, foi adquirido por China. No fondo, está o problema da credibilidade das promesas electorais. 

Nós estamos en portas dos comicios para o parlamento galego e, tal vez, da repetición das eleccións xerais, e imos recibir mil e unha promesas

Nós mesmos estamos en portas dos comicios para o parlamento galego e, tal vez, da repetición das eleccións xerais, e imos recibir mil e unha promesas. De algún xeito, temos interiorizado que a campaña está ritualizada e que pouco ou nada do que agora se diga se vai cumprir. No momento actual estase a impoñer o que os alemáns chamaban a "realpolitik", ou a política do posible, mesmo porque a composición Social, cun predominio das
clases medias, demanda estabilidade por enriba de todo. 

Precisamente por este motivo é difícil explicar o ocorrido en Gran Bretaña, onde unha maioría optou polo Brexit, en contra de toda lóxica. A campaña pola saída de Europa, moi eficaz, falou de ríos de cartos que se quedarían no país, unha vez que se desvincularan da Unión. O caso é que, antes de comezar o proceso, os Británicos están a pagar un quince por cento de incremento no custe das vacacións e nos produtos importados, ademais todas a previsións económicas son negativas. Ou se tratou dun error de cálculo, ou foi un engano. É algo que cada quen ten que xulgar.

Comentarios