Opinión

O país

NESTE PAÍS -de ignorantes para algúns- acaba de decidirse por dabonda maioría que o partido hexemónico desde hai 35 anos manteña o goberno e a xestión dunha administración que, mal que nos pese, ten competencias tan vitais para nós como a sanidade ou a educación. Se cadra o cometido non é tan complexo, tendo en conta que a estrutura burocrática está tan asentada que poida que funcione soa, como lle está a ocorrer á do Estado, pero o que parece obvio é que a oferta que presentaron os rivais do PP non lles deu confianza, xa non a eses «vellos» que prefiren o malo coñecido, senón mesmo ás xeracións que pasan dos trinta ou corenta.

Unha vez acabou a xornada de falar nas urnas, á esquerda, á moderada e á que quere meter medo, o que lle queda é deixar de botar as culpas ao pobo e pensar en como lle pode gañar a partida na seguinte contenda a un PP galego e ao seu presidente, que tamén ten por diante unha complexa tarefa: administrar o éxito e contentar a todo canto militante foi mobilizado desta vez para, como dicía o finado Francisco Cacharro, «sacar o grilo do burato» para que fose votar.

Fraga tivo no seu día que lidiar coas boinas e birretes no PP e agora Feijóo, que escoita os cantos de serea desde Madrid, pode tamén ter un problema coas familias populares que xa se están a repartir cargos de libre designación mesmo antes de que o presidente abrise o seu caderno azul.

Comentarios