Opinión

Valor e prezo na natureza

TONY JUNIPER escribe un libro necesario, «¿Qué le pasa realmente al planeta?» Xusto cando un negacionista do cambio climático chega á presidencia USA. Agravará o precario estado de saúde do planeta con políticas depredatorias e unha carga insoportable de virus humanos.

Este Trump excesivo vai poñer en perigo a saúde ecolóxica do planeta, e tamén a saúde económica apostando polas enerxías sucias do carbón e do petróleo dos amigos tejanos, freando o desenvolvemento das renovables e comprometendo o crecemento limpo e verde.

O quentamento global e o deterioro do clima enfronta á mellor humanidade co problema da desigualdade económica que petará con máis forza nos máis febles. No planeta viven sete mil trescentos millóns de persoas. O crecemento demográfico en zonas sensibles do mapa é expoñencial. E iso terá un custo en contaminantes, degradación urbana, esgotamento de recursos, erosión do chan, deforestación. A nación máis poboada de África, Nixeria pasará de 175 a case 300 millóns de habitantes. Á brutal desigualdade na familia humana hai que sumar a do noso comportamento irracional coas outras especies vivas. Sen biodiversidade o home éche un rei desnudo. Según o profesor Juniper, hai dez mil anos os humanos eran o 1% da biomasa, hoxe, contando tamén animais domésticos, somos o 95%. Ningún equilibrio natural é posible con estas porcentajes.

Os tempos históricos aceleraronse desde mediados do XX: medra a poboación e a riqueza, dispáranse as emisións de gases de efecto invernadorio e as temperaturas. O impacto do home sobre o planeta é brutal e o límite de non retorno está cerca. As previsións científicas son tan demoledoras como invisibles para a maioría da poboación: a masiva sementeira de datos éche unha eficaz forma de desinformación. Quen coñece ben o que pasa no planeta son os gobernos pero como avestruces enterran a cabeza nos problemas inmediatos para non enfrontarse a retos do futuro. Non actúan como estadistas senón como políticos minúsculos.

Hai solucións. Velaí o éxito á hora de protexer a capa de ozono, a reforestación en zonas do mapa, a firma dos Obxectivos do Milenio para garantir un desenvolvemento sostible, o avance da conciencia ecolóxica contra o plástico ou o malgasto de producir, usar e tirar. A busca de solucións impide o catastrofismo pero sen pechar os ollos ao presente inquietante.

Outra vez o atinado Antonio Machado denunciando a confusión de valor e prezo. Teñen moito valor, por exemplo, agasallos da natureza como o ciclo da auga, a polinización que multiplica a vida, a fotosíntese. Prezo é a linguaxe dos inconscientes vendendo a natureza «por un puñado de dólares» e destruindo o medio ambiente. E ignorando que economía e ecoloxía camiñan da man. Tan valiosas que non teñen prezo.

Comentarios