Opinión

A decisión da maioría

NA CLASE da miña filla votaron polo disfrace que ían presentar ao concurso de Entroido do instituto, xa que había dúas propostas. A que gañou fíxoo por unha estreita marxe, pero gañou. Os derrotados, cheos de frustración, ameazaron con boicotear o evento, negándose a asistir. Afortunadamente, neste caso estaba a súa titora para explicarlles o significado de democracia e a necesidade de acatar a decisión da maioría, aínda que non gustase. Alén do océano, Donald Trump é presidente de EE.UU. por gañar unhas eleccións democráticas. Algunhas voces critican aquí a ridiculez do sistema electoral americano, xa que Trump tivo tres millóns de votos menos que a súa opoñente, Hillary Clinton. En España, IU obtivo no ano 2008 só 2 escanos con case un millón de votos; CiU, 10 con 800.000; e o PNV, 6 con pouco máis de 300.000. Seica non foi isto anómalo? Non estou en contra nin moito menos que a sociedade civil exprese o seu rexeitamento polo que considera inxusto ou abusivo. Agora ben, de aí a negar a lexitimidade de Trump para presidir o país máis poderoso da terra, hai un mundo. Algúns dos que agora berran recoñecen que non pasaron polas urnas porque non lles interesaba a política. Sen dúbida ignoraban que non votar tamén conta, pois quedar na casa sempre beneficia a alguén.
Corolario: Hai que acatar a decisión da maioría, aínda que non guste, como di moi acertadamente a titora da miña filla.

Comentarios