Opinión

No súper no venden evanxeos

OS GOBERNOS viaxan en coche e non ven o que pasa na porta do supermercado: mendigos, unha oferta abondosa de postos de traballo. E como moitos gobernados camiñamos máis pendentes da realidade virtual das pantallas que do mundo real, tampouco vemos. Alí, sentada na caixa de cartón, atopa o seu posto de traballo xente invisible.

Tamén a realidade macroeconómica corre o risco de ser virtual. Os números pasan do vermello ao verde e o PIB medra, pero na porta do súper vemos os déficits sociais, rostros devastados polo paro, o empobrecemento, a xibarización das políticas sociais. Reformas necesarias, din.

E diante da desfeita, os gobernos semellan maniatados por poderes escuros mentres o desencanto da xente escapa aos extremos: alí esperan os Trump, Le Pen, Wilders. Tamén aquí aparecerán flautistas de Hamelin prometendo o que os desesperados queren oír. Outros apostan por nacionalismos insolidarios, é dicir, pola secesión dos ricos.

Medra o desencanto na porta de cada cada súper: no currículo laboral dos mendigos unha foto, o cartón Tengo dos hijos... Pero esta xentiña é invisible desde os coches oficiais. Tampouco aparece na pantallas da realidade virtual onde pululan os zombis.

Nas portadas dos xornais lese que o PIB medra, que o paro baixa pero na invisible contraportada da realidade o que máis medra é a desigualdade entre seres humanos, a pobreza privilexiada dos que atopan un traballiño, a exclusión social dos derrotados.

Xusto á hora de comer asoma na pantalla o anuncio dun neno con mocos e bágoas, e unha voz benintencionada pedindo dez euros ao mes para salvar a. Cada paso adiante da caridade, un paso atrás da xustiza social. Pero eses anuncios acaban significando nada. Nin se oe a voz que pide nin se ven as bágoas do neno porque coa crise medran os depredadores: en España hai hoxe máis millonarios que en 2007. E o índice Gini que mide a desigualdade di que o 20% máis rico escala posicións no ceo da riqueza mentres o 20% máis pobre afúndese máis no inferno da pobreza. A economía non quere saber nada de impostos aos que máis teñen, de políticas redistributivas, de ampliar o paraugas de protección aos que piden na porta do súper.

Para que o sistema non rinche hai que apelar aos bos sentimentos, mercar unha manta ao neno aterecido, arroz para os famentos, vacinas para infancias sen futuro. Son cousiñas puntuais ben necesarias pero non corrixen o rumbo dun sistema económico diabólico. Ata o bo papa Francisco denuncia esa hipocresía e di aos seus que para iso, mellor ateos.

Unha lectura equivocada de Marcos 4:25 di que "ao que ten máis se lle dará, pero ao que ten pouco aínda iso se lle arrebatará". Semella o programa trunfante da economía actual. Aínda menos mal que no súper non venden evanxeos.

Comentarios