de actualidad
Evo Morales Evo Morales
Opinión
A TECELÁ EN OUTONO 
Votacion: 
4.7 (9 votos)
1

O símbolo

CURROS ENRÍQUEZ, como está estudado, non era precisamente católico. Porén, xunto a algunhas irreverencias aparentes que en realidade son denuncias do poder da Igrexa como institución, deixou textos tal o Divino Sainete e outros que poñen de manifesto o seu fondo, xenuíno, pensamento cristián. E, ao falar de xenuíno pensamento cristián, refírome ao que pon o foco no amor ao próximo, á fin e ao cabo o testamento con que se despediu Cristo na Derradeira Cea.

'La Patria Gallega' foi unha revista por el dirixida e editada en Cuba, onde estivo emigrado asemade por razóns laborais e políticas, xa que pola súa ideoloxía progresista non achaba emprego aquí. Nesta publicación, un Venres Santo de 1895, —14 de abril tamén— ve a luz un artigo titulado El símbolo. O autor de Celanova, moi dado ás imaxes cristolóxicas (tamén chamou ao galego 'Cristo das linguas'), establece de novo un paralelismo entre a morte de Xesús, instigada polos elementos do poder baixo o xugo de Roma, e a crucifixión de Galiza baixo o poder centralista español. A simboloxía complétase positivamente, anunciando que, como Cristo, malia a morte decretada, este país resucitará.

O Monte Calvario está a día de hoxe en varios e diversos escenarios deste doído e doloroso mundo. A crucifixión, con cravos ou sen eles, execútase neste mesmo instante. O Cristo doente é multirracial, multicultural e multirrelixioso. As persecucións a cristiáns por parte de radicais islamitas en pouco se diferencia das que estes elementos levan a cabo sobre outros pobos de raíz cultural e relixiosa común con eles, mais sen ese fanatismo ruín que os move.

Tense dito, desde posturas agnósticas ou ateas, que todos os males deste mundo foron xerados polas relixións. Bastantes, si; mais non polas relixións que, en principio, non predican a violencia, senón a causa dos que, desde a súa maldade persoal, foron facendo lecturas erradas. Porque, xa o escribín máis veces, as crenzas adquiren a nosa forma, como os líquidos nos seus recipientes.

Quen realmente xera os males é a ambición, o Moloc-Capital que endexamais se ve farto.

Aos intereses do Capital lles debemos as guerras: hai que vender armamento, unha das industrias máis rendíbeis. Hai que se asegurar o dominio estratéxico do petróleo. Hai que volver á escravitude, mesmo cambiándolle a aparencia e o nome. Hai que...

Hai que evitar a xustiza, que é o elixir da paz e o antídoto da guerra. Hai que seguir nun perpetuo Gólgota, inacabábel crucifixión. Porque o Cristo destes tempos, como aquel que dividiu a historia, ten rostro humano, chora, sangra e coñece o exilio. O Venres Santo non acabou.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.

imagen de usuario
Xosé Mº Pin Millares viernes 14 de abril de 2017, 22:36
1

Un estudo moi fondo e documentado de Curros e o cristianismo foi realizado por José Alvilares Moure nas súas publicacións Aínda é de noite, editorial SEPT, distrubúe Galaxia vai na liña que apunta Marica, paga pena ler o estudo de Alvilares.