Opinión

No país dos cegos

PEDRO SÁNCHEZ obtivo unha gran maioría que despexa case todas as dúbidas a respecto da clara hexemonía que adquire no partido. Porque, agás en Andalucía e Euskadi, gañou en todos os territorios, mesmo en Asturies, País Valenciâ, Castela A Mancha e Estremadura contra cadanseus presidentes autonómicos. Dominará, pois, a organización federal e case todas as autonómicas, que celebrarán cadanseu congreso nos vindeiros setembro e outubro.

No noso País a vitoria de Sánchez Castejón constitúe unha auténtica malleira (66% fronte ao 23%de Díaz e o 7% de López), sobre todo diante do apoio pechado outorgado a Díaz polos grandes baróns do PSdeG (Abel Caballero, Carmela Silva, Pepe Blanco, Mar Barcón, Beatriz Sestayo ou Fran Caamaño; mesmo dende fóra apoiouna Paco Vázquez). Galicia, xunto con Catalunya (82% de votos para Sánchez), foi dos territorios onde menos cuallou o relato da nación grande e única da líder andaluza, certamente desvencellado do xorne e angueiras das nacionalidades e da España urbana. O resultado, como o das primarias que gañou Xoaquín Leiceaga, prognostica un congreso galego que rachará co vello PSOE e ratificará a alternativa plural fronte a Feijóo. Pilar Cancela, Valentín Formoso, Gonzalo Caballero, Lara Méndez e quizais Leiceaga serán algúns dos novos dirixentes, malia que o modelo de partido mudará cara un meirande empoderamento das bases.

Sánchez Castejón non é ningún crack, mais soubo percebir a fonda desafección dos seareiros socialistas coa involución de Zapatero (2010), co Goberno de Rajoy (2011-2015) e, sobre todo, coa abstención socialista ordenada pola Xestora que lle deu a presidencia a Mariano Rajoy. E gañou fronte ao cerco mediático de Madrid e fronte a Felipe González, Alfonso Guerra, Zapatero, Rubalcaba e case todos os protagonistas dun PSOE que lle foi mercando o relato social, económico e territorial ao PP ao longo destes anos, mentres os seus electores vían como empeoraban as súas condicións de vida e, nomeadamente, como os seus fillos e netos non podían integrarse nunha sociedade cada vez máis desigual.

Porque, se algo amosou esta xeira, foi que a xente xa non admite calquera intermediación, senón que quere responsabilizarse das súas decisións e rachar, seguramente que dende a tranquilidade, co que hai. Para ir noutra dirección. 

Comentarios