Opinión

Como asasinar unha merluza

POUCOS ESPECTÁCULOS miúdos tan fascinantes como ver a unha carniceira afiando o coitelo, facendo artesanía cun trozo de carne mentres pregunta sorrinte que queres e como o queres. Éche tarefa cotiá pero non traballo sinxelo. Tallar, destazar, desosar, cortar, limpar, filetear, trinchar, atacar con tino un costelar. Carne e sangue. Limpeza. Cousiñas que ves mentres esperas na cola cun ollo atento ao número 21. Na pantalla, o 15. Tempo de vagar para ver ao carniceiro esculpindo filetes, troceando o coello, espindo a carcasa do polo, facendo tacos para o guiso de carne. Así ou máis miúdo?

Recordas ao veciño carpinteiro petando coa brosa nunha táboa. Catro, cinco golpes xusto na mesma ferida da madeira. Aínda ves, escoitas ao avó picando a gadaña: psicomotricidade finísima. Son cousiñas de oficios antigos que se perden. Sabedoría acumulada, traballos ben feitos onde a ferramenta máis precisa e afiada é a man logo de anos de práctica e aprendizaxe. A grandeza do cerebro vese nas mans.

Agora, claro, as máquinas van substituíndo ás mans, ferramentas da intelixencia. Todo vai ás présas. Contratos de traballo efémeros non dan tempo para aprender. Soldos cativos impiden amar o oficio.

Quero unha merluza. Para a prancha? Os coitelos preparados. Adiviñas os golpes precisos para cortar a espiña do centro. Pero o empregado non é pescantín. Fai un pouco de todo, o que lle mandan. Hoxe tocoulle cortar o peixe. Pero algo falla na liturxia. Nen sequera afía o coitelo para que non sufra a pobre merluza: quérese dicir o comprador do peixe. Non arquea a peza para cortar mellor a aleta dorsal. Raspa pero non raspa as escamas. Van saíndo as rodaxas daquela maneira: máis que irmás xemelgas semellan veciñas enfrontadas, unha delgada a seguinte groxa. Asáñase coa cabeza. A señora que vai diante dixo que quitase ollos e dentes e dera un corte transversal á cabeza. O peixeiro que non é peixeiro peta e peta sen acertar dúas veces. Deixa os ollos. Ao final, un puzzle desordenado.

Son cousiñas da competitividade, das présas, da precariedade. Dun contrato efémero encadeando outro contrato efémero. De que non haxa profesionais xusto onde se necesitan e haxa que pagalos como tales. Soldos dignos que den de comer á familia, que termen da sociedade cos impostos.

Calquera vale para caixeiro, para repoñedor, para colocar as botellas de viño. E para carniceira? Do peixeiro a León Felipe e os seus fermosos e atinados versos. No sabiendo los oficios/los haremos con respeto./Para enterrar a los muertos/como debemos, cualquiera sirve…. Cualquiera menos un sepulturero.

Todo un manual de instrucións para o uso das mans, para o amor ao traballo ben feito, para a paixón por aprender. Para non asasinar unha merluza.

Comentarios