PDF

Ver la portada de hoy

de actualidad
foto J. Mª Aznar
Opinión
TÍA MANUELA 
Votacion: 
5 (5 votos)
0

Tarabelo

EN ESTA Galicia nosa hai un lugar na parroquia de Chavín, no concello de Viveiro, que se chama Os Tarabelos, igual que uns leiros de monte baixo de Santa María de Chandreixa, no concello ourensán de Parada de Sil. Se pasamos ao singular, co nome de Tarabelo hai outro lugar en Sada, leiras en Viveiro, en Betanzos, Oza dos Ríos e en San Tomé de Lourenzá; a casa de Tarabelo na Grova de Riotorto; un muiño en Trabada, outro en Abelleira de Muros e unha taberna, con barricas de carballo, na Coruña. Temos en Muras a Pena das Tarabelas e o Alto da Tarabela, en Riós.

Tarabelos para pechar as portas con poxigo e sen el, como se fose unha tramela ou martabela, ou para darlle nome ao viño que fai Eladio Rodríguez, viticultor e bodegueiro, primeiro, e tamén autor da Gandarón ou o gran falo megalítico de Pena Corneira, que anda nestes anos á venda polas librerías do país e que foi presentada en Santiago, en Ourense, en Vigo e en Madrid, cando menos. Xesús Alonso Montero e Xosé Ramón Pousa Estévez, os dous con raíces en terras de viñedos do Ribeiro, xunto con Bieito Ledo, un dos promotores dos Premios da Crítica de Galicia, e outros destacados persoeiros da cultura, como Vicente Araguas, Antón Alonso ou Ramón Jiménez fixeron de presentadores da novela de Eladio, que —por certo— ten sabor a viño de gloria.

Tarabelo nas esquinas, nas tabernas, nas tertulias, na radio e na televisión. No Parlamento, nos concellos, no Congreso e no Senado, tarabelos e tarabelas tarabeleando, outeando o futuro que moitas veces pasa a destempo e deixa á xente na espera, como lle pasou a Xoán da Pementeira que se apartou para que o futuro pasara e non lle interrompera o soño noutro que presume máis venturoso, como se cada quen puidera escoller o seu.

Tarabelo e catavento ou, se gusta máis, veleta e, mellor aínda, viraventos para ir de camiño marcando o paso do aire e interpretando o zunir do vento que quere deixar constancia de que o pecho nestes tempos, por máis que sexa de madeira nobre, non pode atabasar nada. Pode, iso si, espantar aos paxaros os primeiros días de funcionamento. Para ben de moitos, os outros tarabelos que abundan nos lugares públicos deberían ser revisados e, talvez, calados. Xa o dicía a Tía Manuela, en boca pechada non entran moscas.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.