Opinión

Síndrome do emperador

ANTES DE opinar sobre a onda de moda, é dicer, o modo aceptado de forma masiva acerca da crianza actual dos nenos, debo pedir unha morea de dispensas, expresar unha listaxe longa de reservas, e solicitar por adiantado perdón por opinar sobre algo que non temos por que coñecer con atributos de recoñecida autoridade: é dicer, non estamos participando de nengún colectivo recoñecido: nen Anpas, nen docentes con ilustración nas últimas modas da pedagoxía, nen autoridades gobernativas do ensino nen sequer pequena proprietaria de seres humanos en idade de merecemento.

Non sei se queda, polo tanto, algún espazo para se interesar polo tema, fóra do que unha cidadá calquera en función mesmamente do seu interese polo bon resultado dos esforzos colectivos. A educación dos nenos, que son membros cativos da sociedade que todos construímos, é un ben social ou, no caso antitético, unha desgraza social. O futuro da sociedade vai estar en mans da próxima xeración, e da súa educación, ou das súas deficiencias, imos depender todos: os 'posuidores' actuais de cativos e mais os que carecen deles. Sinalo á mantenta o título de posuidores xa que opino que é xusto nese carácter da relación paterno-filial onde comeza a síndrome do emperador. Se o único que teñen os pais como referencia social cos seus fillos é o seu carácter de titulares dunha posesión, isto significa o principio e o fin da responsabilidade social: a mesma que a de calquera mercadoría de consumo. Consómense bens de uso único e bens de consumo duradoiro. Algúns outros duran máis que a vida dunha persoa pero ao fin son bens, quer dicer, son substituíbeis. As persoas non son bens de nengún xénero. Nen son en ningún caso posesión de ninguén nen, por certo, dos pais, por moita dedicación e sacrificios que lles teñan que consagrar. Os pais son, a respeito dos infantes, os responsábeis dunha boa crianza, dunha boa educación e, polo tanto, da socialización funcional dos humanos menores. E todo isto para que no seu futuro –que está unido ao da xeración anterior– sexan cidadáns ben educados, ben formados e cun oficio que lles permita viveren pacificamente en sociedade.

O caso da sentenza xudicial que lle dá a razón a unha nai que corrixiu o seu fillo dá para pensar nos custos sociais dunha errada maneira de enfocar a educación que, como un movemento social, invadiu moitos ámbitos das nosas relacións sociais. A primeira evidencia dun custo sería o atribuíbel ao gasto xudicial, máis que superfluo, nun caso como ese. Seguramente a xustiza debería dedicarse a outros casos. Asombra xa inicialmente a toma en consideración en sé xudicial do tema. Ademais, como custos futuros, pensemos nunha sociedade integrada con cativos criados coa idea de que teñen dereito a case todo, que a autoridade é cuestionábel, que os límites son móbiles e que a responsabilidade persoal é traspasábel. A todos nos chamou a atención a pregunta nun restaurante: "cariño, que queres comer?". Estou esperando pola resposta: Caviar. E... ver que pasa.

Comentarios