Opinión

Moita máis Europa

EUROPA, CUNA de valores, é un modelo para un mundo máis proclive a levantar muros que a crear lazos. Do Brexit veciño aprendemos que o populismo pode ser conservador. Trae máis problemas que solucións e saca á superficie o peor da sociedade: racismo e insolidariedade. A traxedia da torre Grenfell, con ducias de persoas achicharradas é símbolo da desigualdade e dunha política que non cre nas regulacións.

Ao outro lado do Atlántico, o excesivo Trump éche un pesadelo. Tentou conseguir un país máis grande, armado ata os dentes e rodeado de muros contra os pobres: o norte rico non precisa valados. Está a conseguir un mundo máis inseguro e perigoso.

Fronte a estes modelos, sen saír de Occidente, Europa é foco de paz e unidade nun continente torturado polas guerras. A CE naceu, no século máis convulso e sanguinario, grazas ao xenio visionario do francés R. Schumann, sobre cinza quente, cascallos e 60 millóns de mortos. Daqueles seis membros fundadores ata trinta, hoxe 29 despois do Brexit aupado polas mentiras e un 30% do electorado.

Da unión económica á unión política para crear unha cidadanía europea ao marxe de nacionalismos decimonónicos e identitarios que encheron de sangue cada reviravolta das fronteiras. E para reducir o perigo de guerras que empedraron a historia de países veciños.

Tan xigantesca construción económica, política e social non é fácil. Ten riscos, como a inseguridade alimentada polo medo ao outro, inmigrantes económicos, refuxiados das guerras armadas por países occidentais, semente de estados fallidos. E ten inimigos interiores como gobernos de Hungría ou a inquietante Polonia: aceptan os euros pero rexeitan os valores europeos.

A economía desvertebrada está a abrir unha fenda entre norte e sur, e a desunión larvada dos nacionalismos aposta pola secesión dos ricos. Son retos que os políticos teñen que enfrontar para frear sentimentos antieuropeos. A UE é un recuncho de paz, estabilidade e cidadanía compartida nun planeta roto. E transita con dificultades dos euros aos cidadáns: luxo ao alcance de moi poucos.

Nin os problemas económicos, nin unha cidadanía decepcionada sen máis bandeira que sobrevivir ata fin de mes, poden derrubar o fermoso edificio construido polo pensamento político máis utópico. Tantas décadas de sacrificio, acordos, construción económica non se pode malbaratar. Como non se poden tirar ao lixo os mellores símbolos: Mozart e Cervantes, Sofía Corradi, Camus ou Shakespeare.

Hoxe, éche territorio de convivencia e benestar envidiables. O Século das Luces, os valores da democracia, o laicismo, os dereitos humanos, o espíritu e a identidade europea son infinitamente máis fortes que a tiranía económica, a xenofobia, os muros e os medos.

Por iso precisamos máis Europa. Moita máis Europa.

Comentarios