Opinión

"Polo fondo do mar..."

VAI VOANDO unha sardiña e nadando un avión". A cancionciña ten poucas notas alegres. O planeta azul da auga e verde da vida éche unha aldea global con mala veciñanza. E pouca preocupación por amañar goteiras do clima, reparar desaugadoiros de augas fecais, pechar a billa do consumismo e non encher de plástico o patio da casa.

Polo fondo do mar voan poucas sardiñas. Abondo teñen con escapar das redes de voracidade humana como para se enfrontar agora ao letal sistema de pesca da dinamita. Vense avións nadando: latas de refresco, neumáticos, compresas, lavadoras. As chaves que perderon os nenos da canción son sedimentos de lixo.

No fondo do mar, matarilerilerón. Aí se acumulan 9.000 millóns de toneladas de plástico amoreadas onde remansan as corresntes. Pouco importa


A auga ocupa o 71% da superficie do planeta. Ese caldo nutricio representa o 99% da biosfera. Tan vasto que semellaba inesgotable. E resulta que non. A despensa do planeta ten os andeles case baldeiros: máis de 400 enormes zonas dos mares son espazos envelenados, sen vida. Pero os 7.600 millóns de seres humanos seguen xogando ao corro. E como os meniños preguntan onde están as chaves. No fondo do mar, matarilerilerón. Aí se acumulan 9.000 millóns de toneladas de plástico amoreándose onde remansan as correntes. Pouco importa: cada día segue a sementeira deste material útil e indestructible, de calidades milagreiras pero coa espada de Damocles do impacto no medio.

En apenas 80 anos de vida, boa parte do plástico acabou na natureza. Se a sensatez humana non o remedia, para 2050 teremos producido 18.000 millóns de toneladas. E unha capa pouco compatible coa vida asolagará o planeta: a plasticosfera.

O lixo non se come. Un terzo dos recursos mariños non ten tempo de recuperarse. Tres de cada dez especies, sobreexplotadas, poden desaparecer. Recunchos privilexiados con bandeiras azuis non ocultan a xigantesca bandeira vermella de ríos e océanos afogados polo lixo. Pero por máis que o intente a cobiza humana os mares non teñen fronteiras. Os seus problemas son globais, e globais teñen que ser as respostas contra o quentamento, a acidificación, a sobrepesca, o envelenamento químico, a masiva sementeira de plástico. Somos quen de frear a presenza de fertilizantes que provoca pragas de medusas, verquidos de metais pesados, plásticos e residuos, petróleo.

A saúde da auga é a saúde do planeta. O mar non é couto sen lei, lugar de depredación, inmenso verquedoiro onde desauga a porcallada da cobiza humana. Temos creado o problema e somos ben capaces de solucións se coidamos este berce de vida e non o convertemos nun cadaleito.

Os gobernos teñen na axenda estes problemas. A opinión pública ten que empurralos na boa dirección polo ben do planeta e da familia humana. Para que nenas e nenos, xogando ao corro, poidan seguir preguntando onde están as chaves. No fondo dun mar limpo onde vive a vida.

Comentarios