Opinión

Medo

Si que temos medo. Temos medo, mais non debemos consentir que sexa el quen guíe as nosas vidas. O grito no tinc por!, en catalán ou en calquera outra lingua, é o xeito de nos dar ánimos, como cando atravesamos a escuridade ou batemos cun can que nos semella perigoso. Ben o entendeu Rosalía á hora de glosar esta copla do pobo: "Eu ben vin estar o moucho/ enriba daquel penedo./ ¡Non che teño medo, moucho;/ moucho, non che teño medo!".

Cando se di que aos soldados se lles supón o valor, é evidente que se refiren á súa capacidade de non se deixar paralizar polo pánico, non á ausencia de temores. Do mesmo xeito que é humano errar, é humano tremer.

Non sei o que teñen de humanos os que provocan a dor dun xeito tan indiscriminado e gratuíto. Quero pensar que só o medo. Sucede con frecuencia que, tras unha vida delituosa ou sen horizontes, os terroristas se radicalizan coa promesa de que todo lles será perdoado se morren matando infieis. Porque lles meten medo ao inferno e prométenlles todos os deleites, servidos polas hurís no paraíso. Á fin, puro e duro fanatismo que gasta a heroicidade en facer o mal.

Os que bautizaron como danos colaterais ás vítimas civís e involuntarias das guerras, estaban tamén dándolle nome ás persoas masacradas nestas accións tan brutais como absurdas. Porque a guerra é doutros e elas só estaban no lugar equivocado no momento equivocado. Ademais, tendo en conta que esta violencia se dirixe, en teoría, aos non crentes no islam, a pregunta xorde de seu: Os mortos da súa relixión, son danos colaterais?

Ben se sabe que non, que en moitos países son o albo directo destes integristas sanguinarios porque, polo visto, a cuestión é ben máis complexa: hai moitos xeitos de entender un credo. Análises houbo e seguirá habendo desde diversas ópticas, algunhas non menos perigosas que o que denuncian.

Eles, os asasinos, son así mesmo danos colaterais, monicreques que outros moven a distancia. Custa entender que se lles vendan armas a países dos que se sabe que apoian estas accións, mais acontece.

Arrepían moitos ultras, a buscaren culpábeis entre os políticos que non son da súa idea ou solucións tan perversas e desacougantes como as bombas.

Tamén causan pavor os que consideran que detrás de cada musulmán se esconde un terrorista. Iso equivale, por exemplo, a ver en cada home un maltratador, porque algúns o son.

En todo caso, non é cousa de practicar a inxustiza para atallala. Vivir sempre é un risco e (coido que repito cita), como canta María Salgado, «una vida más tarde comprenderemos que la vida perdimos solo por miedo». Peor aínda é perder a humanidade e/ou a liberdade só por medo.

Comentarios