PDF

Ver la portada de hoy

de actualidad
foto Usain Bolt
Opinión
 
Votacion: 
5 (5 votos)
0

E o sapo cantaba cro cro

QUEIMÓUSELLE a casa. Morreu a muller. A semente na terra botouse a perder. O homiño vai polo mundo 'd'entón a pedir'. Cousiñas que conta o poema do desamparo, Nouturnio, de Curros Enríquez. Tanta desesperación e rebeldía ao lombo acompañada polo cro cro do sapiño.

Camiño a ningures polas corredoiras percátase da soidade. Hoxe decataríase de que a animalia miúda vai desaparecendo. A estrondosa chamada dos grilos. O zunido das abellas. O voo sincopado das bolboretas. A lanterna dos vagalumes. Apenas son visibles. Onde están? Semella que moitos insectos que acompañaron os mellores momentos da infancia agacháronse nos contos.

Para os entendidos nesta bichería, os entomólogos, o fenómeno é preocupante. A desaparición dos insectos condena á fame aos que deles e dependen, como paxaros e artrópodos. E preocupámonos porque está ameazado o noso bandullo. Abellas e bolboretas, polinizadores lambeteiros, están tras do 84% das froitas e plantas que comemos. Nun recente estudo da UE case un terzo destes insectos está ameazado, e algunhas especies en perigo de extinción. As capturas nas trampas de control diminuiron nun 80%. A luz que engaiolaba ás bolboretas da noite, moito máis numerosas que as diurnas, apenas atrapa algunhas. E sacan datos: o 75% delas está en declive. Nas dúas últimas décadas a redución é tan alarmante que asusta. Que estamos a facer co pequeno planeta, a única casa que temos? Nesta especie de Antropoceno ou Idade dos Humanos semella que non queda sitio para os animais veciños.

Témonos convertido en insaciábeis depredadores que monopolizan os ecosistemas ata poñelos en perigo. Transformamos e destruímos hábitats que son herdanza dos netos. Insecticidas, praguicidas, ao fin biocidas, envelenan o medio con efectos devastadores para os insectos, alimento de tantos que desde sempre viñan actuando para controlar as pragas.

Paso a paso a especie humana ocupa os últimos recunchos do planeta co urbanismo salvaxe, turismo depredador, monocultivos e agricultura intensiva só posible con soupa químita e uso abusivo de auga. Se desecamos charcas e humedais, se roubamos o caudal ecolóxico dos ríos... onde patinarán os zapateiros, onde vivirán as libélulas? Non vivirán.

O rural esmorece sen adorno humano. E con el os cultivos, o bosque autóctono, as pradarías. O quentamento global distorsiona os ciclos da natureza. Somos máis rápidos e letalmente eficientes na destrución que no respecto da natureza, na protección de especies e no coidado dos ecosistemas ameazados.

O homiño do poema que está a cantar Luis Emilio Batallán, escoita pouco os grilos. Os vagalumes non encenden a noite. Apenas ve saltóns e bolboretas. Malas noticias para ras e gorrións, para as esculturas das arañeiras. E para o sapiño que cantaba cro cro.

Comentarios

fotoLos comentarios enviados fuera del horario de moderación, serán aprobados al día siguiente.

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados. Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.